IniciosociedadeBurela licita o Servizo de Axuda no Fogar, cuxas horas prevé aumentar...

Burela licita o Servizo de Axuda no Fogar, cuxas horas prevé aumentar nun 20%

O Plan Único, con 385.000 euros, permitirá arranxar o Camiño Real e o parque da Marosa, ademais de contratar once traballadores, aumentando nun mes a prestación de socorrismo

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Burela aprobou onte en pleno ordinario o Plan Único da Deputación que ascende a 385.000 euros, dos que 138.000 estarán destinados a investimentos. As actuacións máis importantes son o arranxo do Camiño Real e de varias beirarrúas, así como a remodelación do parque da praia da Marosa. Contou cos votos a favor do PSdeG e a abstención do PP e do BNG.

Ademais, o Plan Único contempla a creación de 11 postos de traballo, entre os que destacan dous de socorristas durante tres meses. Na sesión plenaria foron desestimadas sete das trece alegacións presentadas ao inventario municipal. As persoas ou colectivos que as plantexaron dispoñen dun mes para axuntar a documentación que xustifique as súas peticións. Por unanimidade foi aprobada unha moción do equipo de goberno para demandar achegas á Xunta destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar.

O alcalde burelés, Alfredo Llano, explicou que “imos facer basicamente tres obras que creo que son fundamentais. Unha delas é a rehabilitación de firme e mellora da rúa Camiño Real, onde imos non soamente asfaltar e pintar senón que tamén imos aproveitar para modificar unha serie de canalizacións que xa están obsoletas e facer a separación de augas pluviais e residuais, polo tanto vai ser unha obra completa. Tamén imos facer a reconstrución de diferentes beirarrúas, sobre todo en Nosa Señora do Carme pero ademais noutras que están previstas. E por outra banda imos colocar un parque infantil novo na praia da Marosa porque consideramos que iso vai atraer xente, sobre todo á veciñanza de Burela, para desfrutar cos rapaces desas instalacións”.

ABSTENCIÓN DE PP E BNG

O rexedor engadiu que “se sigue mantendo o programa de axuda no fogar, que contará de 40.000 euros a través do Plan Único. No programa de fomento do emprego, este ano, hai unha variación porque imos empregar a once persoas cando o ano pasado empregamos a dez. Vai haber dous socorristas que van estar non dous meses, como estiveron o ano pasado, senón tres meses porque consideramos que é fundamental que abarquen ese espazo de tempo, que antes se viña facendo cando a Xunta colaboraba ao cen por cen cos Concellos, pero agora reduciron ese período a dous meses. Nós entendemos que teñen que estar ben atendidos estes servizos”, argumentou.

“Tamén vai un auxiliar administrativo, un técnico de turismo, dous conserxes, un peón de obras, un oficial de obras, un dinamizador de redes sociais e dous monitores de tempo libre, que teñen moita demanda no verán e esperamos que este ano se poidan realizar actividades sen ningún problema. En total serían once postos de traballo e iso é o que queremos facer. A empregabilidade é algo que nos preocupa e desde o Concello, a través deste Plan Único e outros plans de cooperación, imos intentar que a empregabilidade se note e se poida empregar a moita xente que hai agora mesmo está desempregada”, salientou.

EVENTOS CULTURAIS E DEPORTIVOS

Llano seguiu a relatar que “o programa de actividades culturais este ano recolle a sexta Feira do Libro, o Certame Internacional de Pintura Amarte e un certame que queremos facer este ano como novidade de videoclips musicais. No programa de actividades deportivas están, entre outras, a carreira popular Burela Bonita, o torneo de fútbol sala Héroes do Orzán, a ver se este ano podemos efectualo porque é moi importante tanto para o deporte base como para mover unha gran cantidade de rapaces e rapazas de todo o estado e incluso de Portugal, o ano pasado ían vir sobre setecentos rapaces e a ver se este ano podemos conseguilo para finais do mes de xuño. Tamén está o sexto torneo da Marosa Cup, que a ver se podemos celebralo este ano, xa  que o pasado non se puido facer nada disto”, engadiu.

TURISMO

No tocante ás actividades turísticas, “o programa vai concentrado nas rutas xeolóxicas que están dando moi bo resultado. A administración electrónica tamén recibe 11.300 euros deste Plan Único, Protección Civil leva 1.500 e hai unha achega directa para problemas derivados do covid-19 que este ano terá preto dos 69.000 euros. Unha vez aprobado, agora xa se pode empezar a mover tanto o tema da empregabilidade como o resto que están planificados”, finalizou.

O PP DEMANDABA UN MAIOR ORZAMENTO PARA A LOITA CONTRA A COVID-19

O voceiro do Partido Popular, Manuel Rouco, abstívose tamén alegando botar “moito en falta” a humanización da Rúa do Río: “parece que só as rúas do centro de Burela merezan a humanización”. Os conservadores demandaron tamén un maior orzamento para a loita contra a Covid-19, “posto que o ano pasado destináronse 83.000 euros e este ano 68.000, a pesar que o Plan Único o permite; sería mellor curarse en saúde e manter un nivel de previsión contra a pandemia”.

O BNG PEDÍA MELLORAS NO ALUMEADO

O BNG, que se abstivo, expuxo que “non foi posible un acordo total posto que nós cremos que era mais urxente introducir no programa de investimentos algunha obra para solucionalos problemas co alumeado público que observamos e que nos fai chegar a veciñanza. Entendemos que as obras incluídas no plan deberían avanzar na seu procedemento de forma mais áxil, sen prexuízo de que outras sexan incluídas no plan de investimentos do orzamento para 2021 ou financialas co posible superávit de 2020 ou cos remanentes. Estamos dacordo coas obras de asfaltado do Camiño Real e coa reparación de beirarrúas pero cremos que a seguinte prioridade era o alumeado, aínda que tamén estamos dacordo no resto dos programas como o plan de emprego, o SAF ou o de Covid-19″, concretou o voceiro da formación, Mario Pillado.

ALEGACIÓNS AO INVENTARIO

O alcalde dixo que “outro punto que levamos na orde do día foi o relativo a atender as alegacións que se presentaron ao inventario municipal. Houbo trece alegacións das que se desestimaron sete porque carecían de documentación que xustificaran o que se solicitaba. Estas sete desestimadas van ter un mes, unha vez que sexan publicadas, para presentar a documentación”, concretou.

SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

E engadiu: “tamén levamos unha moción, a iniciativa do PSdeG, para solicitar á Xunta de Galicia máis achegas para o Servizo de Axuda no Fogar. Hai que ter en conta que, derivado do Covid-19, todos os Concellos tivemos que incrementar moitísimo a capacidade para poder facer fronte á problemática que ven derivada de aí. Durante a pandemia o incremento de usuarios do SAF foi incrible. Solicitamos á Xunta un incremento das achegas para que se adapten aos salarios actuais e que faga fronte aos copagos que viña facendo a xente”, finalizou. A moción foi apoiada polo BNG e rexeitada polo PP.

Neste punto, o Concello de Burela informou de que vén de sacar a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na modalidade de dependencia, por un montante total do contrato de 1.401.055,55 euros cun presuposto base de licitación de 662.317,15 euros. O prazo é dun ano máis posible prórroga doutro. As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 11 de marzo. O goberno local estima que o número de horas podería incrementarse ata nun 20% nestes dous anos.

UN SERVIZO QUE ATENDE 70 USUARIOS

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, sinala que “35.000 horas son as que se prestarán e deberán ofrecer servizos de podoloxía, fisioterapia e perruquería a domicilio. Na actualidade o SAF na modalidade de dependencia conta con 70 usuarios e usuarias en Burela, número que podería medrar”, expón.

A edil burelá explica que “o SAF é un contrato para un servizo moi importante que desexamos continúe a ser de máxima calidade, como ata o momento, sobre todo nos tempos que corren. Engloba 35.000 horas anuais, aproximadamente 2.900 horas ao mes, que asumen 24 auxiliares de axuda a domicilio para atender a 70 veciños e veciñas de Burela. Sacámolo a un prezo tipo de 18,92 euros a hora IVE incluído, ao que máis do oitenta por cen vai destinado a custes de persoal, o que significa unha actualización notable e digna en canto ao prezo hora do último contrato licitado (12,27 hora laboral, 13,26 euros hora festiva) e que non contaba coa actualización do salario mínimo interprofesional, o cal mellorou as condicións das profesionais que desenrolan este tipo de traballo”, remarca a concelleira.

López insistiu en que “contempla todo tipo de atencións de carácter persoal, de necesidades domésticas e acompañamento. Trátase dun servizo que debemos coidar e valorar, xa que é esencial”, xulgou.

SOLICITARASE UN CRIBADO A PETICIÓN DO BNG

No punto de rogos e preguntas, os nacionalistas puxeron sobre a mesa a realización dun cribado en Burela, onde “levamos catro peches e ningunha proba masiva, tendo en conta que temos unha mobilidade moi difícil de controlar, cun Hospital comarcal e un porto importante no que entra e sae mercancía de todo o mundo”. Llano comprometeuse a solicitar un cribado “voluntario”.

Dende o BNG tamén propoñen que o concello busque un acordo cos propietarios do edificio Porto Plaza para que se podan empregar os locais baleiros para o tecido asociativo da vila. Pillado dixo que “no pleno anterior preguntámoslle ó alcalde pola posibilidade de dotar de locais a diferentes asociacións e de regularizala situación da antiga Praza de Abastos. Para darlle tempo propoñemos que se tente chegar a un acordo cos propietarios do edificio comercial sito na Praza da Mariña para que se podan aproveitalos locais desocupados por parte dos diferentes colectivos e asociacións da vila”, remarcou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...